Poida que o nome de Marivi Ibarrola non soase tanto como o dos seus colegas Alberto García-Alix, Miguel Trillo ou Ouka Leele; sen embargo, esta artista periodista e fotógrafa tamén posúe un gran legado fotográfico sobre o Madrid dos anos 80. O seu arquivo, que se compón duns 30.000 negativos, é un tesouro no que aínda queda moito por descubrir. De momento, “A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola” reúne unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social. que transmiten o ruído, a enerxía e a actitude de entón. A Casa Museo Casares Quiroga convértese así nunha parada imprescindible dentro da programación da sexta edición do Ciclo Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas.
        
        
          
	     
 
	  
        
		  	  
		  Elas Son Artistas, en colaboración co Concello da Coruña, ofrece a posibilidade de viaxar 40 anos atrás. A exposición fotográfica “A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola” amósanos unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social xunto coa presenza da comunidade artística galega que viviu tamén aquela etapa na capital de España. Artistas de diversas disciplinas artísticas que influiron en cancións e tiveron tamén un importante protagonismo. 
		  
		  
		   A inauguración, coa presenza da autora, será este xoves 31 de agosto ás 19.30 horas na Casa Museo Casares Quiroga, onde estará a exposición ata o día 4 de outubro, sempre con entrada gratuita. Silvia Penide interpretará dúas cancións ben coñecidas daquela etapa para pechar o acto. Marivi Ibarrola é unha fotoxornalista de La Rioja que chegou a Madrid a finais dos anos 70 para estudar e tamén para empaparse do que estaba a suceder. Decidiu aportar a visión dende a súa cámara con intención de documentar algo que sabía que tería repercusión máis alá das paredes de lugares como a sala de concertos Rock-Ola. 
		  
		  
			 Na exposición poderase contemplar imaxes de Joaquín Sabina, Mecano, Radio Futura, Alaska, Parálisis Permanente, Derribos Arias, Kike Turmix. Tamén de artistas internacionais como David Bowie, Andy Warhol ou Joe Strummer. E, por suposto, representantes diso que denominamos "A invasión galega": Siniestro Total, protagonistas da imaxe promocional da exposición disparando a Marivi, Germán Coppini, Antón Reixa, Victor Aparicio, Antón Patiño, Menchu Lamas (a única muller galega que veremos na expo)...
Nunca está de máis adicar uns minutos a mirar con pausa cómo eran artistas que, en moitos casos, seguen actuando e traballando, fai xa catro décadas.